mércores, 11 de setembro de 2024

EXPLICACIÓN CAMBIOS NA ORGANIZACIÓN DAS EXTRAESCOLARES NO CEIP A RÚA

 

Pola presente nota a Xunta Directiva da ANPA CEIP A Rúa quere explicar ás familias os cambios que se están a impulsar na posta en marcha das actividades extraescolares implicando á todos os que interveñen neste proceso: Centro, Familias, ANPA e Empresas/Entidades Colaboradoras que imparten as actividades.

En primeiro lugar, aclarar, que con estes cambios non se busca desmarcarse de ningún xeito da colaboración nestas actividades extraescolares. Entendemos son parte importante da vida da escola, e nalgúns casos moi necesarias de cara á conciliación para moitas familias. A ANPA seguirá implicándose como ata agora na posta en marcha de ditas actividades, estando á escoita tanto das necesidades do centro como das crianzas e as familias.

Porén, a propia evolución da nosa sociedade, así como a chegada de novas empresas en entidades colaboradoras a este ámbito, cada unha co seu modo de funcionamento e relación cos Centros e ANPAS; e a curiosidade deste ANPA, fixo patente a necesidade de dotar a esta relación dun marco máis formal.

En concreto, neste último curso, algunha das empresas coas que se realizan as extraescolares solicitou de parte da ANPA a firma dun convenio de colaboración con diferentes cláusulas nas que, entre outras cousas, se detallaba un procedemento a seguir en caso de accidente durante o desenvolvemento da extraescolar. Dito procedemento requiría a intervención de membros da ANPA na xestión do accidente.

Deste punto partiu a nosa inquedanza sobre a normativa vixente ó respecto, pois xurdíronnos moitas dúbidas sobre a capacidade ou idoneidade da ANPA para asinar tal tipo de documentos. Entendemos que non debería ser función dunha ANPA asumir responsabilidades sobre actividades nas que non participa directamente.

Todo isto levou a esta Xunta Directiva, en estreita colaboración co Centro e consultando a Inspección Educativa a indagar no marco legal que ampara o desenvolvemento de ditas actividades.

De este proceso naceu a necesidade de plasmar por escrito un procedemento que aclare e delimite as funcións de cada quen neste proceso de posta en marcha e xestión das actividades extraescolares. Entendemos que como colaboradores que somos, as nosas funcións deben estar delimitadas a aquilo para o que esteamos realmente habilitados.

Na ANPA tod@s somos nais e pais, coas súas formacións específicas (ou non), que pola natureza mesma da relación co centro estamos “de paso” e por iso nos parece importante que os modelos de funcionamento que se establezan sirvan, non só para facilitar e asegurar o presente, senón tamén o futuro.

Entendemos que a xestión das extraescolares e, sobre todo, a responsabilidade que implica non só a súa posta en marcha, senón o seu mantemento e supervisión ó longo do ano escolar non pode nin debe vincular unicamente á ANPA e a lexislación vixente así o certifica.

Orden 22 Xullo de 1997: Capítulo IX: Actividades complementarias y extraescolares.

Decreto 374/1996 de 17 de Outubro: Regulamento orgánico das escolas de educación infantil e escolas de educación primaria: Capítulo IV: Equipo de actividades complementarias e extraescolares.

Decreto 155/2022 de 15 de Setembro de ordenación co currículo da Educación Primaria en Galicia: Disposición adicional cuarta. Tarefas extraescolares.

Por todo isto tomáronse as seguintes decisións respecto das actividades extraescolares, de cara á súa aplicación no vindeiro curso 2024/2025:

* Inclusión dentro nas NOF (Normas de Organización e Funcionamento) do CEIP A RUA dun apartado no que se especifican as funcións que a ANPA asume como súas en dita xestión.

* Definición do papel do Consello Escolar na aprobación das extraescolares.

* Elaboración dunha documentación que será aportada e explicada ás empresas interesadas en impartir actividades extraescolares no CEIP A Rúa na que se aclaran as pautas de funcionamento.


Achegamos a continuación dito documento que contén toda a información relevante sobre a organización.

Próximamente poremos ó día o apartado das extraescolares para este curso, co catálogo das actividades que se nos ofertaron e as instrucións de inscrición.

Quedamos á vosa enteira disposición para a resolución de dúbidas ou aclaracións que vos parezan pertinentes nas canles habituais,

Atentamente,

ANPA A RUA


DOCUMENTO EXPLICATIVO 

DESCARGAR DOCUMENTO

Ningún comentario: