"Por fin chegou unha das datas máis esperadas, o inicio do
17 Salón do Cómic e Ilustración de Cangas, que terá lugar do luns 18 de xullo ao domingo 24 de xullo.
Mercedes Lorenzo, a Técnico de Xuventude do Concello, presenta un programa envexable que, nesta edición, se levará a cabo en espazos distintos: a Capela do Hospital e as distintas plantas do Auditorio Municipal. Trala inauguración o luns 18 de xullo ás 19:30 horas, darase paso a unha semana na que o cómic e a ilustración serán os protagonistas.
Contaremos con obradoiros de Cómico co debuxante José A. Calvo (de martes a venres ás 12 horas), cine (Deadpool, Los Vengadores: La era de Ultrón, Carlitos y Snoopy e Big Hero 6), a entrega de premios do 14º Certame de Cómic, a presentación do Proxecto do Colectivo Mithoshiwa (deseño de personaxes de animación), charlas coloquio cos creadores da revista dixital Orgullo y Satisfacción (con Guillermo e Bernardo Vergara, antigos integrantes de El Jueves) e con Fernando Blanco e Victor Rivas e sinaturas cos debuxantes. Na Capela do Hospital teremos a exposición de Victor Rivas "Escarlatina, Esmeraldina", cedida polo Pazo da Cultura de Pontevedra e realizada para o XVII Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Pola súa parte, na primeira planta do Auditorio atoparemos a exposición "De Castelao ao mañá: unha ollada ao cómic galego", cedida pola Deputación de Pontevedra. Por último, o sábado día 23 de xullo, Xulia Vicente presentará "Ari, cazador de dragones" na libraría Wells Libros.