venres, 22 de maio de 2015

Resolución do Consello Escolar do Noso Cole do día 19/05/15

O Consello Escolar do CEIP A Rúa, reunido en sesión extraordinaria o día 19 de maio de 2015, despois de debater sobre as inquedanzas que a Proba de Avaliación Individualizada de 3º de Educación Primaria está causando na comunidade educativa, aprobou por unanimidade a presente resolución:

Considerando que:
Entre as moitas medidas prexudiciais para o desenvolvemento educativo que contempla a LOMCE, e que foi manifestado en múltiples ocasións por todo tipo de profesionais do sector educativo e pedagóxico, figuran no artigo 20.3 as chamadas “avaliacións diagnósticas externas” comunmente chamadas “reválidas”. No presente ano académico 2014-15 o alumnado que realiza 3º curso de Educación Primaria, de tan só 8 anos de idade, vai ser sometido a unha destas probas.
Nós queremos manifestar o noso total rexeitamento destas avaliacións diagnósticas externas polas seguintes razóns:

  • Porque é inaxeitado desde o punto de vista pedagóxico someter o alumnado de 8 anos a unha presión innecesaria, mediante unha proba que o vai avaliar baixo estándares uniformizados, sen considerar a educación como un proceso no que hai que avaliar e considerar as circunstancias persoais, socioeconómicas, capacidades e actitudes do alumnado.
  • Porque limítase a avaliar o ámbito lingüístico e matemático, menosprezando a adquisición doutras competencias, destrezas e habilidades do campo artístico, musical e físico e refusando o ensino da nosa historia e medio natural imprescindíbeis para a formación integral do alumnado.
  • Porque despreza a avaliación continua e a opinión do equipo docente. Ninguén mellor que o titor ou titora ou o equipo docente para coñecer as carencias, potencialidades, habilidades e capacidades do alumnado e dos medios, recursos e apoios necesarios para mellorar a aprendizaxe e o rendemento escolar.
  • Porque subestima e desconfía do traballo do profesorado que estará sometido e totalmente condicionado a orientar o seu traballo docente a preparar o alumnado para a obtención da mellor nota posíbel na avaliación final, marxinando outros aspectos educativos fundamentais nesta etapa educativa.
  • Porque responde á pretensión de conformar rankings de centros, segundo os resultados destas avaliacións e sen ter en conta as características do alumnado e os servizos cos que conta o centro, co obxecto de ir configurando unha rede elitista de centros que contará con máis medios e recursos.
  • Porque non se ten certeza con claridade das consecuencias que os resultados terán para o alumnado.
  • Porque os estudos de aprendizaxe que se pretenden avaliar corresponden aos tres primeiros cursos de primaria e o alumnado que vai sufrir as probas só cursou terceiro da LOMCE.
  • Porque supón malgastar o diñeiro público, malia as múltiples carencias dos centros, e somete o profesorado a unha sobrecarga de traballo coincidindo co final do curso. 
Por estas razóns, o Consello Escolar aproba:
  • Solicitar á Administración Educativa a paralización e a retirada da proba de avaliación individualizada de 3º. 
  • Respectar o dereito das familias a decidir se traen ao centro ou non aos seus fillos/as os días nos que está prevista a realización da devandita proba.
Esta resolución será remitida literalmente á Administración Educativa, a todas as familias do alumnado de 3º curso e á Asociación de Nais e Pais do centro, e será publicada no taboleiro de anuncios da escola.

Ningún comentario: