sábado, 23 de xuño de 2012

Queremos que invistan en Educación

Publicado o Xoves, 21 Xuño 2012 07:07
Escrito por Rosabel Candal

As cámaras de Tingalaranga estiveron onte gravando a mobilización convocada pola ANPA 'O Carballo' do CEIP Pena Corneira, de Carballeda de Avia, contra os recortes previstos pola Consellería de Educación no centro rural ourensán. A TVG, malia confirmar a súa asistencia, na mañá do mércores non estivo presente na protesta, e unha hora antes de que se emitise na TVE a reportaxe gravada por esta canle para o informativo, marchou a sinal televisiva no pobo.



Desde a ANPA pídenlle explicacións á Televisión de Galicia sobre por qué non asistiu gravar a concentración na que avós, nais, pais, alumnos e xente de toda a vila acudiron disfrazados de ovellas para protestar contra as intencións da Xunta de reducir de 7 a 4 os profesores que imparten ensinanza no Colexio de Educación Infantil e Primaria de Carballeda. Aseguran que se están a levar a cabo prácticas de "censura xornalística" e advirten que non cesarán nas súas reivindicacións malia que esta mesma semana remata xa o curso escolar e comeza o verán.


A ANPA de Pena Corneira xa contactou ademais con outras nais e pais doutros colexios da provincia ourensá, co fin de coordinarse e iniciar accións de protesta conxuntas que eviten os recortes que o Executivo de Alberto Núñez Feijóo prevé aplicar o próximo curso nas escolas dos concellos máis despoboados do país, algo que, no caso de producirse, podería levar ó peche futuro de moitos deles.

Ningún comentario: