Cidade Imaxinaria á Cidade da Cultura en Santiago. Unha xornada para gozar en familia con viaxeiros equilibristas, bombeiros malabaristas, pallasos magos, principiantes de trapecistas e ata dj’s perruqueiros…
O vindeiro 22 de agosto de 11 da mañá a 21 horas da tarde celébrase esta nova edición centrada na esencia do circo. Diferentes espectáculos combinados con divertidos xogos para todas as idades.
- Les Pompiers – Todos os públicos || Duración: 45 minutos || 12.30, 16.30 e 18 horas
Auga, auga! Un coche que parece saído dos debuxos animados, dous divertidos bombeiros que nos fan mover o corpo ao ritmo da súa trepidante música e unha mangueira xigante coa que regarnos de… confeti de cores!
- Apicirc – De 0 a 4 anos || De 11 a 14.30 e de 16 a 21 horas
Descubre un mundo de obxectos, monicreques e xoguetes fabricados artesanalmente nas carpas circenseses creadas polas abellas; e déixate sorprender por uns monitores que inesperadamente se converten nos reis dos malabares e das acrobacias. Un espazo de xogo e experimentación sensorial para compartir pais e fillos.
- Xogando no Camiño – De 3 a 15 anos || De 11 a 14.30 e de 16 a 21 horas
Queres ser un auténtico peregrino? Cidade Imaxinaria ten preparado para ti un Camiño moi especial. Recolle o teu pasaporte, percorre as doce etapas, supera as vinte e catro probas e recibirás unha credencial de perfecto camiñante. Un montón de xogos tradicionais están esperando por ti en múltiples recunchos da Cidade da Cultura.
- Arriero de juegos – A partir de 3 anos || De 11 a 14.30 e de 16 a 21 horas
A praza central do Gaiás convértese nunha auténtica sala de xogos onde espertar o enxeño e a habilidade de grandes e pequenos. Un total de vinte e cinco estruturas construídas con madeira de forma artesá dan cabida a 45 xogos cos que todo o público se sentirá atraído a xogar e atopar o seu espazo para a diversión.
- Senta a cabeza – A partir de 3 anos || De 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas
Unha excéntrica perruquería, dúas perruqueiras artistas e un dj. Esta é a proposta de Cidade Imaxinaria para todos aqueles que non se cortan un pelo. Recicla e transforma obxectos cotiáns en pezas únicas que lle darán o toque final ás sorprendentes e fantasiosas creacións realizadas a ritmo da música no cabelo dos clientes máis atrevidos.
- A árbore dos xogos – A partir de 5 anos || De 11 a 14.30 e de 16 a 21 horas
De entre os entullos e o lixo naceu unha árbore reciclada. E ao pouco tempo, das súas ramas comezaron a brotar xogos. Cidade Imaxinaria bríndanos a oportunidade de deixarnos levar pola imaxinación e pasar un momento do máis entretido con estes xogos imaxinados nos que descubrir figuras tan sorprendentes como unha árbore, unha araña ou mesmo a Charles Chaplin.
- Circo no faiado – A partir de 6 anos || De 11 a 14.30 e de 16 a 21 horas
Cando os Herrerita eran pequenos descubriron no faiado da casa dos seus avós unha emocionante colección de obxectos de circo. Agora, convídannos a adentrarnos con eles nun marabilloso mundo no que aprender a xirar o prato, facer malabares, padexar nun monociclo, colgarse do trapecio ou camiñar sobre o cable.
- Sidecar – Todos os públicos || Duración: 40 minutos || Dous pases: 12.30 e 17.30 horas
Ábrese unha fenda no tempo e un extravagante viaxeiro nunha antiga moto con sidecar aparece na praza central do Gaiás. Está buscando algo pero nin os mapas, nin os planos nin o poste indicador de direccións co que se atopa semella axudalo. Desbordado, o noso misterioso viaxeiro converte o pau nun mástil chinés no que comeza a facer acrobacias ata atopar aquilo que buscaba: a felicidade!
- Les Artuans – Todos os públicos || Duración: 60 minutos || 11.30 horas
Les Artuans é un espectáculo de maxia cómica, onde o cómico se ve… e a maxia tamén. Un show para todos os públicos onde se mestura clown, mimo, o absurdo, risos, máis clown, moitas máis risas e tamén un pouco de maxia.
- Namorado do aire – Todos os públicos || Duración: 55 minutos || 13.30 horas
Coma se fose un conto de dragóns, dous ananos rin, bailan e sobre todo, soñan con voar e permanecer no aire. Namorado do Aire amósanos a relación de amor e xogo entre eles e os seus dragóns, as súas torpezas, habilidades e destrezas polo ar.
- Vaia circo! – Todos os públicos || Duración: 50 minutos || 16.30 horas
Sen trapecistas nin malabaristas nin acróbatas nin equilibristas… Falta todo o elenco do circo pero… o espectáculo debe continuar. Tres protagonistas serán os que, en clave de humor, tomen o mando sobre as táboas. Serán eles os que loiten cos trapecios, os que intenten xirar polo aire sobre as cordas, os que teñan que burlar a gravidade cos malabares.
- Le Cabaret – Todos os públicos || Duración: 90 minutos || 18:.0 horas
Unha mestura explosiva de danza, equilibrio de mans, clown e acrobacia de dúo. Le Cabaret é unha disparatada e corida viaxe a través das diferentes modalidades do circo: desde o clásico ata o contemporáneo, pasando polos rexistros máis de rúa e participativos.
- Cock-Tales – A partir de 5 anos || Duración: 30 minutos || Tres pases: 11.30, 13.30 e 17.30 horas
Cidade Imaxinaria está repleta de personaxes estranas, curiosas, sorprendentes… e ata tres músicos con plumas! O galo Capón, vanidoso e peleón; a galiña nai, sufrida e vixilante; e o polo de guisar, raquítico e indeciso. Esta reunión cómica de plumas sorprenderá aos presentes con escenas cotiás moi humanas e todo a ritmo da mellor música.
- Colors – A partir de 7 anos || Duración: 50 minutos || 20 horas
O fin de festa será un baile máxico cheo de cor e movemento. Cando unha máxica música comeza a soar, as cores inician unha fantástica, hipnotizante e elegante coreografía. Enormes figuras desfilan entre a xente con elegante paso atrapando o vento co seu movemento. Lentamente, desaparece algún espectador entre os seus vestidos e, ao son da música, a metamorfose continúa.
Cantina. Para repoñer forzas, a Cantina do Gaiás contará con servizo de comidas, así como un posto de comida rápida. Para os máis larpeiros, na praza instalaranse postos de xeados, algodón de azucre, doces e flocos de millo, que se poderán tomar na carpa de descanso prevista para retomar folgos.
Visita de balde ao Museo Centro Gaiás. O 22 de agosto a entrada o Museo Centro Gaiás de balde para poder visitar en familia a exposición Camiño. A orixe. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con dúas visitas guiadas ao longo do día: 12.30 e 18.30 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario