Aqui vos deixo a súa entrada publicada no blog do Ceip A Rúa
Andaina polo río Xabriña
Partimos da Rúa cara ó río Xabriña, con algo de sono pero moitas gañas de pasalo ben. Lucía o sol. Cando chegamos a Paraños (Ponteareas) atopámonos con todo disposto para a Festa do chourizo e pensamos: un bo refrixerio para a volta!!
Dende un principio, o ritmo foi marcado polos máis cativos que, cun andar frenético, deixaron a máis dun pai e nai coa lingua de fóra. Ata Marco, o pequerrechiño, deunos un exemplo de resistencia, foi todo un campión que só quixo o colo de papá unha vez rendido polo sono.
Acompañounos Stabri, o moneco viaxeiro, que fixo as delicias de pequenos e grandes e que, co seu encanto persoal, fixo famosas amizades.
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEizMfH3s4SWp0T2l8wUyH2lGQlz8Fjeq9I1gqway8ivDNwm_xqXyCaZ8I2h4EHbyYODBnTy1Pi-N7nJf42pCYhLk-T3bvVWMo9hSrQdVb_Y1d4lkk7CHhOyMfVjpBFekhsKSmPhzSXh0vQ/s512/101_1420.jpg)
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEgQgtT_kubzzQHlUhGDsONxzZf_4Bf4e0Gr07hJ3A3gLry-C4ChseM-eU3GhdN3ZodgQu-gGJIWms8vIyIP4vMs9XrGJMOnlbT7EQ4rewyVXfHQ4GwQlSqO4eYWP5stiaMVokttvFGlB0g/s512/101_1422.jpg)
A senda, de verdade, paradisíaca, fai un ano que se homologou e está en perfecto estado de conservación, moi sombreada, con vexetación exuberante e cun nivel de dificultade baixo para camiñar. Atopámonos con moitos muíños, algúns restaurados. As augas cristalinas e xélidas, alivio dos pés cansos.
Comemos, durmimos a sesta, conversamos, xogamos coa auga e ata algunha que outra recibiu unha masaxe nos pés. Como nos sobrou tempo pola celeridade dos máis pequenos/as, achegámonos á festa do chourizo. Alí escoitamos a Concha de Luneda e saudamos a Leni Pérez, do programa Larpeiros da TVG. Bailamos, comemos xeados e xogamos ata non poder máis.
Queremos darlle unha aperta a todas as familias que participaron e especialmente a Olivia, tía de Antón, Manel e Teo, montañeira celta, que nos guiou e foi encantadora con todos/as nós. Para o ano xa pensamos nun posible destino, Forcarei. Animádevos a acompañarnos!
Máis imaxes inesquecibles:
Ningún comentario:
Publicar un comentario